A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

CINEMA.- Os filmes de Shin Chan e Doraemon deixarán de dobrarse ao galego por non haber apoio institucional


[18/06/2006]

A Generalitat catalá e o Goberno basco manteñen as axudas á dobraxe para as súas linguas

A Mesa reclámalle a Política Lingüística que cumpra o Plan de Normalización no referido á dobraxe de filmes e poña os medios para que non se produza este paso atrás

A distribuidora de Shin Chan e Doraemon, Luk Internacional, comunicou á Mesa pola Normalización Lingüística que a partir do ano 2007 non poderán continuar a asumir os custos da dobraxe para o galego dos filmes que distribúan. Directivos de Luk Internacional manifestaron que continúan coa vontade de utilizar a nosa lingua no mesmo nivel que os outros idiomas cooficiais do Estado, mais que mentres a Generalitat catalá e o Goberno basco si apoian a dobraxe e distribución nos correspondentes idiomas, da Xunta de Galiza continúan sen recibir o máis mínimo soporte, igual que co anterior Goberno. Este retroceso para o noso idioma afectaría tanto aos filmes en formato doméstico (VHS e DVD) como ás posíbeis futuras estreas nas salas de exhibición.

Luk Internacional leva distribuíndo en galego desde o ano 2003, tras un acordo coa Mesa pola Normalización Lingüística, e a pesar de que a anterior Dirección Xeral de Política Lingüística tamén se negaba a apoiar o esforzo económico realizado. Neste ano 2006 saíron dúas novas aventuras de Doraemon e Shin Chan, coa opción de compra na nosa lingua: Shin Chan, aventuras en Henderland e Doraemon e os deuses do vento. Porén, segundo os directivos de Luk Internacional, a evolución do mercado de distribución audiovisual dificulta que poidan continuar a realizar en solitario este investimento na dobraxe á lingua de Galiza.

A Mesa pola Normalización Lingüística reclámalle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Presidencia da Xunta, que non se fechen as portas ás distribuidoras que están dispostas a dobrar e difundir filmes no noso idioma, como é o caso de Luk Internacional. Ademais, A Mesa lembra que hai varias medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que indican este camiño, mais que aínda non se puxo en marcha ningunha.

A Mesa propón a creación dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación

A Mesa considera prioritario que as políticas de dobraxe se centren en filmes destinados á xente nova e, ademais, que o Goberno galego poña os alicerces para a creación nesta lexislatura dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación que asuma elaborar as lexendas e dobrar para a televisión todos os filmes que se estreen nas salas comerciais galegas, cedéndoas gratuitamente ás distribuidoras ou ás televisións que poidan ter os dereitos de emisión de ditos filmes.

A proposta da Mesa implica que tamén teña un papel activo no proceso a CRTVG, quen se debería anticipar na dobraxe, mesmo antes de obter os dereitos de emisión dos filmes. Isto significaría que sen que a TVG tivese maiores custos, posto que máis tarde ou máis cedo iría pagar a tradución, podería haber a opción de galego tamén nas televisións xeneralistas (coas opcións do TDT), locais e nas novas autonómicas privadas. Ademais, poderíase aproveitar esa mesma dobraxe para os propios DVDs, independentemente de que houbese ou non a posibilidade de ver ese filme na nosa lingua nas salas de cinema.

Arriba

Máis noticias

CINEMA.- Política Lingüística corrixe con Shin Chan e Doraemon un erro que ela mesma cometeu

CINEMA.- Promoción de Shin Chan en Oleiros

CINEMA.- Promoción en Vilagarcía do último filme de Shin Chan

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate