EMPRESA.- A Mesa exíxelle a Sanidade que corrixa a circular en que advirte ás empresas de alimentación cunha sanción se non etiquetan en castelán
[05/07/2006]
Carlos Callón: “A Consellaría de Sanidade debe corrixir a circular e enviar unha mensaxe pública de tranquilidade e confianza a todas as empresas que usan o galego”
“A situación é disparatada: Mentres un departamento da Xunta inviste diñeiro en promocionar o galego nas empresas, outro departamento advirte de posíbeis penalizacións se o utilizan”
“Chamar mazás ás mazas e laranxas ás laranxas non atenta contra a saúde pública”
O Xefe de Servizo de Protección da Saúde da Consellaría de Sanidade, Francisco Javier Ferreras Díez, enviou unha circular a diversas empresas de alimentación na que as advirte de que a etiquetaxe, presentación e publicidade dos alimentos deberá estar en castelán pois, do contrario, “tomaranse as medidas oportunas por parte da Delegación Provincial de Sanidade”. Esta carta chegou tamén a empresas como Eurofrut, de Santiago de Compostela, que o que fan é usar o galego na comercialización dos seus produtos en Galiza.
O Presidente da Mesa, Carlos Callón, púxose en contacto co Xefe de Servizo de Protección da Saúde, para lle reclamar que se corrixa a circular enviada e que se rectifique lembrando tamén a normativa autonómica sobre o tema (Decreto 185/1994), que ampara a etiquetaxe en galego. O Presidente da Mesa argumentoulle que “o escrito asinado por vostede crea unha alarma inxustificada entre as empresas que etiquetan e se publicitan en galego, como se fose un problema sanitario, cando chamar mazás ás mazás e laranxas ás laranxas non atenta contra a saúde pública” e tamén que “resulta disparatado que un departamento da Xunta subvencione o uso do galego nas empresas e despois outro departamento da Xunta advirta de posíbeis penalizacións se utilizan o galego”. Ferreras Díez dixo que estudará o envío dunha nova circular onde figure o decreto autonómico que ampara o uso do galego en etiquetaxe, publicidade, etc.
Carlos Callón porase en contacto tamén coa Conselleira de Sanidade para que este tipo de situacións “non se volvan repetir” e que desde a Consellaría se “envíe unha mensaxe pública de tranquilidade e confianza a todas as empresas do sector da alimentación que utilizan o galego”.
O Presidente da Mesa tamén “lamenta” a pasividade da Secretaría Xeral de Política Lingüística na materia, pois este tema coñécese desde a semana pasada, mais a primeira chamada que recibiu o Xefe de Servizo de Protección da Saúde para lle chamar a atención sobre os efectos negativos da súa comunicación para a lingua galega foi a da Mesa pola Normalización Lingüística. “A que anda a Secretaria Xeral de Política Lingüística mentres outros departamentos da Xunta advirten con penalizacións a quen non utilice o castelán? Até cando a Administración autonómica vai continuar a remolque do movemento cidadán na defensa e promoción do galego?”, pregúntase Callón. |