TRABALLO.- O hotel Louxo comprométese a comezar un proceso de galeguización nas súas instalacións e servizos
[23/01/2007]
O director do centro hostaleiro que foi denunciado por prohibir aos seus empregados o uso do galego asegura que todo se debeu a un “erro de redacción”
O hotel Louxo da Toxa, que foi noticia estes días por requerir por escrito aos seus empregados que non utilizasen o galego, vai comezar un proceso de galeguización das súas instalacións e servizos, segundo lle transmitiu o director do centro hostaleiro, Manuel Amoedo, ao presidente da Mesa, Carlos Callón, durante unha reunión celebrada en Santiago durante a mañá de hoxe.
Amoedo, que manifestou que en ningún momento se prohibiu o uso do galego entre o cadro de persoal, senón que todo se debeu a un “erro de redacción” das normas, comprometeuse a iniciar os trámites para cambiar a denominación do centro, que nestes momentos é hotel Louxo – La Toja, e pasar así a chamarse hotel Louxo – A Toxa, respectando a toponimia oficial.
Ademais, anunciou que o proceso de galeguización se iniciará hoxe mesmo ou mañá, coa introdución da posibilidade de acceder á web do estabelecemento hostaleiro en galego. Posteriormente, a información que o Louxo ofrece a súa clientela irá incorporando a nosa lingua, desde a sinalización até as facturas. A Mesa saúda o “xesto de boa vontade” e acordou co director do hotel facer seguimento dese proceso de introdución do galego no conxunto dos servizos que ofrece.
MÁIS INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:
O Hotel Louxo galeguizará o seu nome co topónimo oficial 'A Toxa' [LVG 24/01/07] |