MOCIDADE.- Astérix e os seus amigos seguirán sen falar en galego na edición especial conmemorativa da creación da popular banda deseñada
[20/04/2007]
A Mocidade pola Normalización Lingüística lamenta que a editora Salvat Bruño desprece os millares de apoios recadados durante a campaña en favor dun Astérix no noso idioma
No día de onte presentouse no prestixioso Salón da Banda Deseñada de Barcelona Astérix e os seus amigos, edición especial conmemorativa desta popular creación que pretende ser unha homenaxe polo seu oitenta aniversario a un dos seus dous creadores, Uderzo.
Porén, o que debera ser unha boa noticia para grandes e cativos e millares de seguidoras e seguidores que o guerreiro galo e os seus amigos teñen –tamén na Galiza –resulta ser de novo unha moi má noticia para o noso idioma. A edición conmemorativa para o Estado español, da que é responsábel a editora Salvat Bruño, estará á venda en castelán e catalán, mais non en galego.
Precisamente, desde que Salvat Bruño se fixera cargo no Estado español da edición das novas aventuras de Astérix, o galego deixou de figurar como opción e os millares de seguidoras e seguidores que o galo ten no noso país perderon o dereito de poder desfrutar das súas aventuras na súa lingua propia. Dita situación motivara que a Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, se dirixira a Salvat Bruño solicitándolle a inclusión do galego na súa oferta e, ante a falta de resposta, iniciara unha importante campaña social no ámbito xuvenil, nomeadamente nos centros de ensino, que se desenvolveu durante os dous últimos cursos escolares cunha máis que salientábel repercusión, con millares de sinaturas recollidas en apoio á nosa iniciativa.
Agora que parece que Astérix, máis unha vez, ficará sen poder falar en galego co seu público da Galiza por decisión allea, a Mocidade pola Normalización Lingüística temos que denunciar de novo a incomprensíbel actitude de Salvat Bruño ao negarse a respectar un dereito fundamental como é o de podermos desfrutar das súas publicacións máis relevantes tamén na nosa lingua; máis aínda cando parece que ese dereito si fica garantido para a comunidade lingüística catalá. Por iso, dirixirémonos de novo á editora para a convidar a reconsiderar a súa decisión, así como aos departamentos da Xunta de Galiza competentes na materia para que por súa vez fagan todos os esforzos posíbeis por garantiren que a nosa lingua non fica de novo excluída das aventuras dos galos.
Consulta tamén a anterior campaña da Mesa para conseguir a tradución de Astérix para o galego. |