A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

17 MAIO.- Carlos Callón: 'Señor Touriño, ou cambia a súa política lingüística ou cambia a secretaria xeral'


[17/05/2007]

A Mesa exixe no Día das Letras “que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente do Presidente da Xunta, comece a funcionar”, para que “o galego non perda o tren do futuro”

A Mesa pola Normalización Lingüística fixo hoxe unha declaración perante a celebración do Día das Letras na que reclamou “a posta en funcionamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un departamento adormecido do Goberno galego”. O presidente desta organización cidadá, fundada en 1986 e que agrupa a 3.200 persoas co obxectivo de estender o galego a todos os ámbitos, interpelou ao presidente da Xunta, de quen depende directamente este departamento para reclamarlle que “ou cambia a política lingüística ou cambia a secretaria xeral”. Callón sinalou que “de nada serven as declaracións de amor propagandísticas ao galego se despois non se ven feitos que materialicen tanto amor como o que se declara”. O primeiro que lle reclama A Mesa a Emilio Pérez Touriño é que “se cumpra e se faga cumprir a lexislación lingüística, como é obriga nun estado de dereito”. “Non é de recibo, por exemplo, que haxa un alcalde que se mofa da Constitución e do Estatuto nos aspectos lingüísticos, como fai Javier Losada no concello da Coruña, e que desde a Presidencia da Xunta ou desde Política Lingüística non se faga absolutamente nada”.

O presidente da Mesa estivo acompañado nesta comparencia con motivo do Día das Letras por Francisco Rei, Coordenador de Zonas da mesma entidade. Rei referiuse ao manifesto que A Mesa promove para esta xornada, baixo o lema “Temos lingua propia. Queremos vivir nela”, ao que até o de agora se adheriron 84 entidades de diverso tipo e centos de persoas a nivel individual. A Mesa seguirá recollendo apoios para este manifesto nos vindeiros días, “porque para nós o traballo pola lingua non remata o 17” e entregarallo a todas as institucións nel referidas.

O manifesto difundido pola Mesa céntrase “nos tres piares do proceso de normalización lingüística: o ensino, a administración e os medios de comunicación”. No ensino, o obxectivo é que o novo decreto de galeguización sexa cumprido integramente no próximo curso, “pondo a Consellaría de Educación os medios humanos e económicos necesarios”. No referido á administración, faise un chamamento para que as corporacións locais que saian das eleccións cumpran o Plan Xeral de Normalización. Tamén se pide que a páxina web da Axencia Tributaria dispoña de documentación en galego.

En canto aos medios de comunicación, no manifesto faise un especial fincapé nos de titularidade pública, demandándolle novos pasos á Radio e á Televisión galega, e reclamando que Radio Nacional de España e Televisión Española teñan o mesmo uso do galego para Galiza que teñen do catalán para Cataluña. Para iso, demándanlle tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística como á Secretaría Xeral de Comunicación que “negocien con firmeza para garantir estes adiantos para a nosa lingua”. Callón contrapuxo a “negociación forte do Goberno catalán para as desconexións de RNE e TVE, que tivo moi bos resultados, coas notas de prensa da Secretaría Xeral de Comunicación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que non serviron para nada”.

MÁIS INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

  • As Letras Galegas brillan na comarca [LVG 18/05/07]

  • A Xunta renova o compromiso de traballar a prol da lingua galega [ABC 18/05/07]

  • Arriba

    Máis noticias

    17 MAIO.- A agrupación local da Mesa exixiu na Coruña o dereito a vivir en galego

    17 MAIO.- A Mesa reclama 'máis espazos de uso e menos homenaxe fúnebre para o galego' na celebración da Semana das Letras

    17 MAIO.- Ponse en marcha a campaña Temos lingua propia. Queremos vivir nela

         
       

    Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
    Ligazóns
    | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate