17 MAIO.- A agrupación local da Mesa exixiu na Coruña o dereito a vivir en galego
[16/05/2007]
Unha ruada festivo-reivindicativa centrou os actos da asociación na cidade con motivo do Día das Letras
Membros da agrupación local da Mesa na Coruña e numerosos cidadáns percorreron onte as rúas do barrio da Pescadaría nunha ruada reivindicativa na que se exixiu o dereito a vivir en galego. Con saída do Obelisco, fixéronse diversas paradas nas que se deu lectura ao manifesto do Día das Letras da Mesa pola Normalización Lingüística, “Temos lingua propia, queremos vivir nela”. A comitiva detívose primeiro diante do Teatro Rosalía de Castro, onde en 1904 Manuel Curros Enríquez foi coroado como poeta. O acto rematou na rúa da Franxa, diante do lugar onde se creou a primeira das Irmandades da Fala, no ano 1916. Alí un grupo de gaita e tamboril interpretou a Foliada de Tenorio e o Himno de Galiza.
Por outra banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, referiuse con motivo do Día das Letras á situación lingüística do Concello da Coruña. “Non é de recibo que haxa un alcalde que se mofa da Constitución e do Estatuto nos aspectos lingüísticos, como fai Javier Losada no concello da Coruña, e que desde a Presidencia da Xunta ou desde Política Lingüística non se faga absolutamente nada”, manifestou Callón. |