CIBERIRMANDADE.- Nova campaña na rede contra a decisión de Salvat Bruño de non publicar en galego as novas aventuras de Astérix
[31/05/2007]
A Mocidade pola Normalización Lingüística, que xuntara máis de 11.000 sinaturas contra a discriminación do galego por parte da editora, saúda a iniciativa da Ciberirmandade.
Continúan as reaccións en Galiza contra a decisión da editora Salvat Bruño de non publicar en galego 'Astérix e os seus amigos', a nova aventura de Astérix que vén de saír ao mercado en conmemoración do oitenta aniversario dun dos creadores da popular banda deseñada, Uderzo.
Como xa acontecera en 2005 co lanzamento mundial da anterior aventura dos galos, traducida a 25 linguas, a editora responsábel no Estado da comercialización de Astérix Salvat Bruño volveu decidir excluír o galego, co que as aventuras do guerreiro e os seus amigos soamente se poderán ler en castelán ou catalán.
Á protesta da sección xuvenil da Mesa unha vez que foi presentado o novo título da banda deseñada no Salón da B.D. de Barcelona súmase a da Ciberirmandade da Fala, que vén de pór en andamento unha nova iniciativa de ciberactivismo, neste caso dirixida a exixir de Salvat Bruño a non exclusión da lingua propia de Galiza das aventuras de Astérix.
clica aquí e súmate á iniciativa!
Que se enteiren os de Salvat Bruño, por Tutatis! |