Nais e Pais polo Ensino en Galego xorde
como un colectivo –vinculado á
Mesa pola Normalización Lingüística–
constituído por un grupo de persoas
preocupadas pola inexisténcia de
oferta educativa en galego e polo escaso
valor social que segue a ter a nosa lingua.
Isto implica a imposibilidade de escolarizar
e socializar ás nenas e nenos galegos
na sua língua.
OBXECTIVOS
O obxectivo fundamental da asociación
é conseguir o respeito dos dereitos
lingüísticos das
nenas e nenos galegos nunha etapa decisiva
na adquisición e na consolidación
do idioma. Como galegos e galegas desexamos
ofrecer-lles aos nosos fillos e fillas
unha educación e unha primeira
aprendizaxe na nosa língua e a
posibilidade de poder utilizala con naturalidade.
O papel do colectivo consiste en incidir
no sector educativo e no entorno formativo
–inicialmente na etapa infantil–
para demandar a existéncia de ensinanzas
e actividades extraescolares en galego,
conseguir a publicación e comercialización
de materiais de aprendizaxe e lecer que
fagan posíbel e natural esta formación
e emprender iniciativas que sensibilicen
e abran o debate na poboación e
nas institucións sobre a importancia
da transmisión e o mantimento da
língua nos meniños.
MOTIVACIÓN
Alén da salvagarda dos dereitos
lingüísticos dos nenos e nenas,
outros factores como a riqueza formativa
que lle supón a aprendizaxe en
galego e mesmo o futuro da língua
fan necesária a existéncia
dunha oferta de escolarización
en língua galega.
As positivas atitudes da poboación
cara a ela reforzan estas ideas: tomando
os dados do Mapa sociolingüístico
de Galiza e mais do Estudo sociolingüístico
sobre a situación da língua
galega no Concello de Vigo, a nosa demanda
fúndase, dunha banda, na inquedanza
que provoca a perda do galego como língua
de transmisión interxeracional
e mais a perda de terreo do galego como
língua habitual e, doutra banda,
na demanda por parte dunha gran maioria
da poboación de accións
necesárias para fomentar o uso
da língua.
A máis, como a propia Xunta recoñece,
o actual marco legal para o uso do galego
nos centros de ensino non cumpre os seus
obxectivos, pois "...non se está
a cumprir o espírito, e tampouco
a letra do Decreto. Isto concrétase
no nulo ou escaso número de horas
en que empregan o galego e ten a súa
consecuencia no insatisfactório
nível que se detecta por parte
do profesorado dos ciclos posteriores"
(resposta da Dirección Xeral de
Política Lingüística
a unha demanda d'A Mesa ante o Valedor
do Pobo).
ÁMBITOS
DE ACTUACIÓN
Na nosa actividade como asociación
estamos a dirixir-nos a todas aquelas
entidades que participan no universo formativo,
entendendo por tales tanto as que ofrecen
unha educación regulada como non
regulada, no sector público e mais
no privado e nos colectivos implicados
na formación escolar ou extraescolar
de todos os níveis.
Inicialmente decidimos incidir no sector
máis desleixado en canto ao uso
da língua por parte destas entidades:
a educación infantil (0-6 anos).
Así mesmo, pretendemos desenvolver
un labor de sensibilización nos
familiares e persoas do entorno dos nenos
e nenas sobre a importáncia e o
valor que supón na formación
dos cativos unha aprendizaxe en língua
galega. |