MANIFESTO FUNDACIONAL
OBSERVATORIO DE DEREITOS LINGÜÍSTICOS
Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados pola dramática situación que está atravesando a lingua galega e os atropelos e conculcación dos dereitos lingüísticos que sofren a cotío os seus falantes, deciden fundar o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, auspiciado pola Mesa Pola Normalización Lingüística, para, coa máis rigurosa imparcialidade e profesionalidade:
-
Emitir e difundir anualmente un informe analizando e avaliando a evolución da situación lingüística na Galiza, nomeadamente as discriminacións e desagravos sufridos, as vulneracións dos dereitos lingüísticos, e as situacións de desamparo.
- Prestar asesoramento xurídico e defender a aquelas persoas que sufran tales discriminacións.
- Facer seguimento, en diálogo co movemento asociativo en defensa da lingua, do cumprimento na Galiza dos tratados internacionais relacionados cos dereitos lingüísticos, como a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos.
Constituírse en válido interlocutor con asociacións, institucións e organismos estatais e internacionais relacionados coa defensa da lingua galega e/ou co cumprimento da lexislación vixente.
|