Principais
actividades da MESA
Desde o seu nacimento, A MESA
desenvolveu numerosas campañas e denúncias
que a converteron nun referente social imprescindíbel
no terreo da normalización lingüística.
Hoxe é unha organización consolidada,
implantada en toda Galiza, con máis de
3.000 sócios e sócias e unha repercusión
social moi importante.
Un dos aspectos característicos
do espírito de traballo da MESA é
o esforzo por ser a casa común do traballo
pola normalización do idioma, polo que
sempre procura implicar nas suas accións
a todo tipo de organizacións, institucións
ou empresas. Este traballo de colaboración
pode realizar-se de maneira pontual, para unha
campaña concreta, ou de maneira continuada.
Por exemplo, no mundo do ensino, A MESA forma
parte dunha plataforma estábel que funciona
desde hai anos na que traballamos conxuntamente
con sindicatos e movimentos de renovación
pedagóxica preocupados pola incorporación
do noso idioma na escola: Comisións Obreiras,
Confedereación Intersindical Galega,
Sindicato dos Traballadores/as do Ensino de
Galiza, Asociación sócio-Pedagóxica
Galega e Nova Escola Galega
As actividades da MESA deseñan-se con
finalidades sensibilizadoras e reivindicativas.
As campañas sensibilizadoras teñen
un importante elemento informativo e van dirixidas
á poboación en xeral, aos comerciantes,
empresários, etc. As accións reivindicativas
refiren-se sobre todo ás Institucións
ou grandes empresas e consisten na denúncia
de discriminacións lingüísticas
do galego ou do incumprimento da Lei de Normalización
Lingüística, aprobada en 1983 pero
incumprida ainda hoxe en moitos dos seus artigos.
Tamén desenvolvemos campañas de
felicitación cando unha empresa ou colectivo
se destaca de maneira positiva polo uso ou promoción
do noso idioma. Tanto as accións de denúncia
como as de felicitación realizan-se a
través de cartas directas, notas de prensa
que se publican nos meios de comunicación
ou edición de miles de tarxetas postais
cun texto común que se distribúen
entre a poboación para que as persoas
as asinen e envien a nivel individual.
Ensino
É un campo no que desenvolvemos
un intenso traballo pola importáncia
que ten na formación da futura sociedade
galega. A MESA colabora con organizacións
sindicais de estudantes e de profesorado e con
movimentos de renovación pedagóxica
coa intención de sensibilizar a mocidade
e ao profesorado e de esixir da Xunta de Galiza
a total normalización do galego no ensino.
A primeira iniciativa foi a
mobilización de 1987 para pedir un maior
uso do galego como língua veicular no
ensino ("Aprender en galego non é
un delito"). Desde entón, solicitamos
a elaboración dun proxecto de galeguización
do ensino, participamos na redacción
dun modelo para a normalización lingüística
do ensino que foi presentado ante o goberno
e enviado aos centros de ensino para o seu estudo,
fixemos campañas informativas e sensibilizadoras
mediante cartaces, trípticos ou pegatinas
animando a utilizar o galego nas aulas ou informando
sobre a lexislación vixente: "Decálogo
do galego-falante", "Que nesta aula
se fale/escriba en galego depende de ti",
"O ensino. En Galego", "O ensino,
en galego. Está no seu dereito",
"O ensino, en galego. De ti depende".
Tamén se realiza o seguimento e denúncia
dos incumprimentos dos decretos que regulan
legalmente o uso do galego no ensino. Moitas
destas actividades realizan-se desde a Plataforma
polo Galego no Ensino, unha plataforma estábel
integrada por 6 organizacións vinculadas
ao mundo do ensino: A Mesa, Comisións
Obreiras,...
A comezos do ano 1998 lanzou-se
desde a Plataforma polo Galego no Ensino a sua
última campaña até o momento,
"En galego. Todos os dias, a todas as horas".
Toponímia
Desenvolvemos numerosas iniciativas
para favorecer o uso das formas galegas da nosa
toponímia na rotulación de estradas,
na documentación administrativa, na publicidade
e folletos de empresas e comércios, etc.
A campaña máis importante neste
terreo foi a desenvolvida na cidade de A Coruña,
onde o alcalde se nega a utilizar oficialmente
o nome galego; A MESA realizou unha campaña
de reivindicación do topónimo
na que participaron destacadas personalidades
da vida pública ("A Coruña,
asi a queremos") e denunciou ao alcalde
conseguindo que o TSXG dictase unha senténcia
obrigando-o a utilizar a forma galega. Tamén
realizamos unha exitosa campaña polo
uso do topónimo de Ourense ("Ourense,
por dignidade"), acompañada dunha
exposición e puxa de obras de importantes
artistas galegos.
Como xa indicamos, existe dentro
da MESA unha sección de toponímia
que fai un seguimento do uso da nosa toponímia
e envia cartas a empresas, organizacións,
comércios, etc. informando-os da legalidade
vixente e animando-os a que restituan as formas
correctas na sua documentación e publicidade.
Comércio
e empresa
Este é un campo moi importante
porque o contacto co público é
moi grande. Pola diversidade e cantidade de
establecimentos e sectores implicados, procuramos
traballar en colaboración con agrupacións
de comerciantes ou cadeas de tendas. As principais
actividades neste sector foron:
- Realizamos durante anos cartaces
de REBAIXAS que se reparten gratuitamente
entre os comerciantes para que os utilicen
nos seus escaparates. Isto aumenta a preséncia
do noso idioma nas ruas e fai que a xente
se habitue ao seu uso de maneira que logo
os comerciantes xa realizan os seus próprios
cartaces tamén en galego.
- Campaña para animar
a poboación a usar o galego nos comércios
consistente en cartaces co lema "Que
aqui se fale en galego depende de vosté".
- Campañas de información
e asesoramento das subvencións que
a Xunta convoca para a galeguización
de comércios e empresas ("En benefício
de todos"). Repartimos impresos de solicitude,
modelos de proxectos para distintos sectores
(roupa, calzado, autoescolas, inmobiliárias,
restaurantes, etc.) e axudamos a elaborar
os proxectos dos estabelecimentos que o solicitaban.
- Campaña de promoción
da etiquetaxe de productos en galego ("Etiqueta
en galego. Marca de distinción").
Chegamos a un acordo coas empresas que xa
etiquetaban en galego os seus produtos e un
camión especial percorreu Galiza cunha
exposición e venda de produtos etiquetados
en galego para da-los a coñecer e que
servisen de exemplo a outras empresas.
- Campaña de galeguización
das cartas dos restaurantes ("En galego:
a pedir de boca"). Traducimos os menús
ao galego e/ou outros idiomas e oferecemo-los
nun portamenús.
- Campaña de galeguización
da lista da compra ("Que non lle esqueza").
Distribuíron-se a través de
supermercados e tendas de alimentación
listas da compra en galego para que a xente
as levase para casa e fose marcando alí
o que precisaba para a compra seguinte, co
obxectivo de familiarizar a poboación
co léxico galego da alimentación.
- Numerosas campañas
de felicitación e de denúncia
a distintas empresas. De felicitación,
por exemplo, a ÁREA CENTRAL, o hipermercado
de Santiago que utilizaba o galego na rotulación,
publicidade, etc. Entre as de denúncia
podemos destacar a dirixida a ALCAMPO polo
abandono do uso do galego cando mercaron o
hipermercado de ÁREA CENTRAL; a dirixida
a SEAT pola comercialización dun coche
cun topónimo galego incorrecto, o SEAT
AROSA, que deberia ser AROUSA; ou a dirixida
a TELEFÓNICA, por non usar o noso idioma
na toponímia, facturas, comunicacións,
publicidade, etc.
Administración
Realizamos iniciativas dirixidas
á Administración pública
e local (Xunta de Galiza, Concellos, Deputacións
Provinciais) cos seguintes obxectivos:
Solicitar a total galeguización
dos formulários e servizos administrativos
e de atención á cidadania.
Pedir o deseño de proxectos
xerais de política lingüística
con obxectivos claros e definidos.
Solicitar o incremento dos orzamentos
para normalización lingüística
e facer un seguimento do seu uso.
Cos concellos mantemos colaboracións
para a realización de campañas
concretas de ámbito local e facemos propostas
aos grupos políticos para a sua aprobación
en pleno (ampliación ou regulación
do uso do idioma, apoio ás nosas campañas,
adesión á Declaración Universal
de Dereitos Lingüísticos, etc.)
Banca
Establecemos contactos con diferentes
sindicatos do mundo da banca para asinar un
convénio que garantise a incorporación
do galego nas suas actividades e documentación.
Conseguiu-se un acordo no que participaron 11
entidades bancárias.
Realizou-se unha campaña
específica para as Caixas de Aforros
("En galego, é fácil")
para solicitar o uso do galego nos formulários,
publicidade, caixeiros automáticos, atención
ao público, etc.
Galego
exterior
O território lingüístico
do galego é máis amplo que as
suas fronteiras administrativas, xa que tamén
se fala galego nas zonas fronteirizas de Asturias,
León e Zamora. Para protexer e promocionar
o uso do galego nestas zonas lingüísticas
A MESA desenvolveu distintas actividades en
colaboración con grupos e colectivos
locais preocupados pola defensa da língua.
Participou tamén na criación da
Mesa pra Defensa del Galego de Asturies, que
ten como obxectivo a normalización do
uso do galego na zona. Existen grupos semellantes
en Zamora.
Público
en xeral
Ofrecemos servizo de asesoramento
e información sobre o uso do idioma e
os dereitos lingüísticos, asi como
asisténcia legal en procesos xudiciais.
Dispoñemos de diverso
material para a venda con lemas relativos
á normalización do noso idioma:
camisetas, insígnias, publicacións,
pegatinas, etc.
Desenvolvemos con moito éxito
várias campañas destinadas a recuperar
os nomes
galegos de persoa dirixidas a:
Pais e nais para que lles puxesen
aos seus fillos nomes galegos ("Xa lle
tedes nome?").
Esta campaña realizou-se
en duas ocasións,en colaboración
cunha empresa de alimentación infantil,
e consistiu na edición de cartaces e
trípticos cun listado de nomes galegos
de nenos e nenas co seu significado e un breve
comentário.
Os cidadáns en xeral
para explicar-lles os trámites legais
necesários para traducir o nome do español
ao galego ("Temos nomes própios.
Usa-os").
Tamén realizamos unha
campaña para promover a galeguización
dos apelidos, ainda que este é un proceso
legal máis complexo, polo que a campaña
tivo menos repercusión.
Pensando nos nenos, editamos
todos os anos, en colaboración con Edicións
Xerais, un modelo de carta aos Reis Magos en
galego. Ademais, este ano estamos realizando
unha campaña para solicitar a dobraxe
ao galego das películas de Disney.
Vários
Temos realizado tamén
denúncias e accións normalizadoras
noutros campos: deportes, meios de comunicación,
igrexa, xustiza, universidade, informática,
etc. Organizamos actividades lúdicas
e de debate: encontros,
charlas, festas, concertos,
teatro, carreiras polo idioma, etc.
Editamos un boletin
trimestral con información das nosas
actividades que lles enviamos aos nosos sócios
e a outras organizacións ou persoas que
o soliciten.
Facemos recopilacións
de prensa e editamos volumes anuais nos que
se recollen todas as novas que se produciron
ao longo do ano a respeito do idioma. Estes
volumes poñen-se á venda e constitúen
un valioso arquivo documental sobre a realidade
lingüística.
Para poder realizar
o noso traballo precisamos da colaboración
e o apoio económico dos nosos sócios
polo que nestes anos organizamos tamén
exposicións para dar a coñecer
as nosas actividades e campañas de afiliación
("Ti, unha primavera. Imos garantir mil
máis" ou "A MESA: o futuro
do galego"), coas que ampliamos o número
de sócios, de persoas comprometidas co
seu idioma.
|